Trae o teu marrón: imos arranxalo entre todas e todos.
Hai cousas que non aparecen nos cursos. Nin nos tutoriais. Nin sequera en Google.
- Ese CSS que rompe só en Safari.
- Ese plugin que falla os martes porque lle dá a gana.
- Esa tarefa que parece sinxela e remata por ser un proxecto da NASA.
- Ese erro raro que che fixo perder unha tarde enteira.
Nesta Meetup cambiamos o formato. Non hai charla tradicional. Non hai presentación con 70 diapositivas.
Hai problemas reais.
Esta é a idea: trae unha dúbida, un bloqueo, un poltergeist técnico, un reto de deseño, unha decisión de estratexia, un problema de SEO, unha integración imposible, un conflito entre plugins ou ese proxecto que che leva días mirando para ti con cara desafiante.
Entre todas e todos tentaremos resolvelo.
Porque ás veces a mellor ferramenta non é ChatGPT.
É xuntar xente que xa se pegou antes contra a mesma parede.
- Pode ser WordPress.
- Pode ser desenvolvemento.
- Pode ser deseño.
- Pode ser negocio.
- Pode ser IA.
📅 Mércores 27 de maio ás 19:00
📍 Vello Cárcere (Praza da Constitución, s/n)
🍻 E ao rematar, o de sempre: networking e petiscos grazas a LucusHost.
Anímaste?