Introdución ao procesado de audio con STM32 e I2S
Details
O vindeiro 18 de abril en A Industriosa teremos unha sesión práctica para achegarnos ao mundo do procesado de audio dixital con microcontroladores STM32.
Ao longo da charla veremos os fundamentos necesarios para comezar a traballar con audio en tempo real: unha introdución á arquitectura dos STM32, configuración de ADC, temporizadores, DMA e o bus I2S, e como combinar todos estes elementos para recibir, procesar e transmitir son cara a outros dispositivos como DACs, ADCs ou micrófonos dixitais.
A sesión terá un enfoque totalmente práctico. En cada bloque do contido farase unha demostración en vivo, programando un STM32 sobre unha placa de adestramento, revisando tamén as opcións de depuración mediante o IDE e un ST-Link. E, sobre todo, poderemos comprobar os resultados de cada exercicio da mellor maneira posible: escoitando como cambia o son ao aplicar distintos efectos e rutinas de procesado.
É unha actividade pensada para persoas con algunha base previa en programación e electrónica. Se xa programaches un pequeno proxecto en Arduino e trasteaches con dispositivos I2C, poderás seguila sen problema. E se non vés do ecosistema Arduino pero tes soltura con C, tamén che resultará accesible.
