CSI WordPress: investigando webs rotas
Details
Hai erros que se solucionan en cinco minutos.
E despois están os outros.
Ese checkout que queda cargando para sempre. Ese 403 que aparece onde non debería. Esa web que funcionaba onte e hoxe decidiu deixar de facelo. Ese problema que parece dun plugin, logo do servidor, despois da caché… e ao final resulta ser outra cousa completamente distinta.
Nesta Meetup imos investigar webs rotas. Traeremos varios casos reais ou baseados en problemas reais de WordPress e iremos descubrindo pouco a pouco que está acontecendo.
A dinámica é sinxela:
Presentamos o problema.
Vós decidides que fariades.
- Miramos a consola?
- Revisamos os logs?
- Desactivamos plugins?
- Activamos o debug?
- Probamos outro tema?
- Miramos o servidor?
Segundo o camiño que escollamos, iremos descubrindo novas pistas ata chegar á causa do problema e ver como se resolveu realmente.
Porque cando unha web rompe, poucas veces aparece unha mensaxe dicindo:
«O problema está aquí. Preme este botón para solucionalo».
Hai que investigar.
Hai que descartar hipóteses.
E, ás veces, hai que aceptar que a solución non é exactamente a que esperabamos.
CSI WordPress é unha sesión para pensar entre todas e todos como afrontar problemas reais cando WordPress decide poñernos a proba.
Non necesitas preparar nada. Só traer ganas de investigar.
- 📅 Xoves 24 de setembro ás 19:00
- 📍 Vello Cárcere (Praza da Constitución, s/n)
- 🍻 E ao rematar, networking e petiscos grazas a LucusHost.
Quen rompeu a web?




